Viaxeiras incansables. A reunificación das “Poesías” de Tiziano no Museo do Prado (II)

Clara Reigosa Lombao

Como comentabamos na publicación anterior, as “Poesías” de Tiziano levan máis de 400 anos separadas aínda que foran pensadas para expoñerse xuntas. Non obstante, a Historia fixo que se reencontraran en varios espazos e lugares, recordando o seu pasado común.

“Diana e Acteón” e “Diana e Calisto” forman a segunda parella e son as únicas pinturas que permaneceron unidas desde a súa creación. Segundo as fontes, o primeiro lugar onde se colgaron foi a residencia real de Toledo e, pouco despois, o Alcázar de Madrid onde se encontraban en 1561. A principios do s. XVII, en 1623, as dúas obras case se envían a Inglaterra polo posible enlace  do príncipe Carlos coa infanta María Ana, filla de Felipe III; algo que, finalmente, non ocorreu. Tamén hai constancia de que en 1626 estaban no palacio de verán de Felipe IV ((“Diana and Acteon”. The National Gallery. Dispoñible en: https://www.nationalgallery.org.uk/paintings/titian-diana-and-actaeon (consultado o 11/02/2021).)).

“Diana e Acteón” (1556-59). National Galleries of Scotland. Fonte: https://www.nationalgalleries.org/art-and-artists/8685/diana-and-actaeon

A conservadora da National Gallery de Londres, Susanna Avery-Quash, relata moi ben a historia destas obras. As pinturas mantivéronse na coleccion real ata que Felipe V as regalou ao duque de Gramont, embaixador francés na corte española, en 1704. O duque, á súa vez, cedeu as pinturas a Felipe II, duque de Orleáns, quen creou unha ampla colección de obras durante a súa rexencia ((Felipe II, duque de Orléans, foi o rexente de Francia mentres que o seu sobriño, Luis XV, non era maior de idade. Creou unha gran colección de arte, coñecida como “Colección Orléans”.)). Permaneceron no Palacio Real francés máis de 70 anos ata que a colección do duque se dispersou e vendeu por un dos seus descendentes, Luis Felipe de Orléans II ((Susanna AVERY-QUASH: “The Bridgewater collection: its impact on collecting and display in Britain”. Conferencia presentada na National Gallery de Londres (07/12/2009), Londres.)).

O seguinte destino destas obras estivo a piques de ser Inglaterra, pero tivo que esperar uns anos máis. Ao principio había un interese por parte da monarquía inglesa por adquirir parte da colección Orléans, pero esta compra nunca chegou a ocorrer. Pola contra, foi un banqueiro belga residente en Francia, Édouard Walckiers, quen adquiriru as obras italianas e francesas da colección Orléans. Vendeunas pouco despois ao seu primo, Fraçois Louis Joseph de Laborde-Méréville, quen tiña a intención de crear un espazo onde exhibilas.

Porén, o estalido da Revolución Francesa obligiuno a fuxir a Inglaterra. Alí, dadas as dificultades para vender a colección, cedeu a propiedade a Jeremiah Harman, un banqueiro e colecconista inglés. Harman desfíxose delas pouco despois, en 1798, e foron adquiridas por un sindicato de nobres británicos, representado polo marchante Michael Bray. O conxunto de obras da colección Orléans dividiuse en propiedade entre tres aristócratas e as Dianas quedaron en propiedade do duque de Bridgewarer, Francis Egerton, que conseguiu 45 pezas máis.

“Diana e Calisto” (1556-59). National Galleries of Scotland. Fonte: https://www.nationalgalleries.org/art-and-artists/8686/diana-and-callisto

Unha vez repartidas, os tres aristócratas decidiron facer unha mostra conxunta da colección e aproveitar para vender as pezas que non querían quedarse (que non era o caso das nosas obras). As Dianas colgáronse no corredor central do teatro Lyceum de Londres, ao lado da “Resurrección de Lázaro” de Sebastiano del Piombo e “O xuízo final” de Tintoretto. Á morte do duque, “Diana e Calisto” e “Diana e Acteón” foron herdadas polo seu sobriño, George Granvila Levesson-Gower. Tras o seu falecemento ambas obras pasaron ao seu segundo fillo, Francis Leveson-Gower, máis coñecido como Francis Egerton, honrando ao seu tío avó, primeiro conde de Ellesmere.

Desde ese momento ata datas recentes as obras quedaron nesa rama da familia, incluidas na denominada colección Bridgewater. Alí expuxéronse de forma pública, na Bridgewater House, ata o comezo da Segunda Guerra Mundial cando se trasladaron a Escocia. A partir de 1945 moitas das pinturas, entre elas as Dianas, foron cedidas en depósito ás National Galleries de Escocia. Finalmente, en 2009 abriuse a posibilidade de comprar as dúas pinturas e a galería escocesa adquiriunas xunto a National Gallery de Londres. Estas dúas institucións consérvanas hoxe en día nas súas salas, a través dunha rotación pactada ((Matthias WIVEL e Aidan WESTON-LEWIS, #TitianLive: Diana and Acteonand Diana and Calisto, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?v=d6vEXYETRZw&feature=emb_title (consultado o 12/02/2021).)).

Tamén en Londres, a Wallace Collection conserva a Poesía número 5, “Perseo e Andrómeda”. O recorrido desta peza é similar ás anteriores e, de feito, compartiron espazos nalgún momento da súa viaxe. Créese que trala chegada a España con Felipe II a obra foi adquirida polo escultor Pompeo Leoni, quen traballaba para a monarquía española desde 1556. Despois, ao redor de 1600, pasou a mans do pintor Anton Van Dyck, quen a introduciu en Londres por primeira vez.

“Perseo e Andrómeda” (1554-56). The Wallace Collection (Londres). Fonte: https://wallacelive.wallacecollection.org:443/eMP/eMuseumPlus?service=ExternalInterface&module=collection&objectId=64901&viewType=detailView

A partir de aí, “Perseo e Andrómeda” inicia un recorrido por diferentes coleccionistas ingleses e franceses, ata que se encontra coas dúas “Poesías” anteriores na colección de Felipe II, duque de Orléans. Permanecerá coas outras dúas obras ata que se vende no Lyceum en 1798, contrariamente ao que pasara coas Dianas ((“The story of the collection”. The Wallace Collection. Dispoñible en: https://www.wellingtoncollection.co.uk/wellington-stories/the-story-of-the-collection/ (consultado o 20/02/2021).)).

Desde alí pasa por numerosas coleccións británicas –en total estivo en máis de 15 coleccións e 8 cidades distintas–, ata que a compra o terceiro marqués de Hertford, Francis Charles Seymour-Conway. A obra foise herdando na familia Hertford e en 1897 a viúva do cuarto marqués, Richard Wallace, doou parte da colección ao Estado ((Xavier BRAY, Titian’s Perseus and Andromeda, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?time_continue=10&v=m9kQI9K5Q8E&feature=emb_title (consultado o 12/02/2021).)). A obra permanecera oculta ata entón, probablemente por falta de coñecemento, e apareceu no baño do último marqués, o que xustifica os seus problemas de conservación. A partir do ano 1900 abriuse ao público a Wallace Collection, na antiga residencia dos marqueses e onde hoxe se exhibe “Perseo e Andrómeda”, nunha das galerías principais.

No último artigo desta serie, comentaremos a viaxe da última das pezas, “O rapto de Europa”. A única de todas elas que saíu deste continente e cruzou o océano ata a súa residencia actual.

Bibliografía

Susanna AVERY-QUASH: “The Bridgewater collection: its impact on collecting and display in Britain”. Conferencia presentada na National Gallery de Londres (07/12/2009), Londres.

Xavier BRAY, Titian’s Perseus and Andromeda, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?time_continue=10&v=m9kQI9K5Q8E&feature=emb_title (consultado o 12/02/2021).

Matthias WIVEL e Aidan WESTON-LEWIS, #TitianLive: Diana and Acteonand Diana and Calisto, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?v=d6vEXYETRZw&feature=emb_title (consultado o 12/02/2021).

“The story of the collection”. The Wallace Collection. Dispoñible en: https://www.wellingtoncollection.co.uk/wellington-stories/the-story-of-the-collection/ (consultado o 20/02/2021).

“Diana and Acteon”. The National Gallery. Dispoñible en: https://www.nationalgallery.org.uk/paintings/titian-diana-and-actaeon (consultado o 14/02/2021).

Notas ao pé

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados