Actividades


2021

Proxeción e debate do documental Dores na Facultade de Historia

1 de decembro de 2021, Facultade de Xeografía e Historia, Santiago de Compostela

Organizamos unha proxección dacurtametraxe documental Dores. Ao remate realizzouse un debate coa directora da curta Coral Piñeiro e o catedrático de Historia Contemporánea e membro de HISPONA Xosé Manoel Núñez Seixas. Aldara Cidrás Fuentes, investigadora da USC e do grupo HISTAGRA, finalmente non puido acudir.

Presentación da Mazarelos 6 na Fundación Vicente Risco de Allariz

30 de novembro de 2021, Fundación Vicente Risco, Allariz

Presentamos o número 6 na Fundación Vicente Risco de Allariz. No acto participaron Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación; Susana Reboreda Morillo, decana da Facultade de Historia da Universidade de Vigo; Miguel Rodríguez Martínez, editor de Mazarelos e Iria-Friné Rivera Vázquez, patroa da Fundación Vicente Risco e colaboradora de Mazarelos.

Stand de Mazarelos no Culturgal 2021

27-28 de novembro de 2021, Pazo da Cultura, Pontevedra

Durante a fin de semana do 27 e 28 de novembro estivemos no Pazo da Cuiltura de Pontevedra a Feira de Industrias Culturais CULTURGAL. Alí tivemos á venda todos os números da revista Mazarelos, boletíns de subscrición e agasallos para todas!

A nosa historia facémola nós. Xornadas formativas da CIG-Ensino

27 de novembro de 2021, IES As Fontiñas, Santiago de Compostela

Participamos como ponentes nas I Xornadas de Historia. A nosa Historia facémola nós. Tratouse dunha actividade de formación permanente do profesorado de carácter interdisciplinar, homologada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Tivo lugar no IES As Fontiñas en Santiago de Compostela o día 27 de novembro.

Presentación da exposición do centenario de Luis Ferreiro Peinó

3 de novembro de 2021, O Vello Cárcere, Lugo

Participamos na presentación da exposición polo centenario do artista lugués Luis Ferreiro Peinó, persoeiro da revista Mazarelos 5. As obras de Luis Ferreiro Peinó reuníronse no Vello Cárcere de Lugo. As esculturas do artista permaneceron amosadas no 1º andar ao longo de nove das antigas celas de mulleres. A gran maioría da mostra está conformada polas súas mellores esculturas, mais tamén se poderán coñecer aspectos biográficos e obras realizadas con técnicas e materiais diferentes á escultura e a madeira.

Mazarelos na Troula da Verba

Agosto 2021, Cabanas

O vindeiro 1 de agosto ás 19h estaremos no paseo da praia de Cabanas participando na Troula da Verba. Nesta actividade Roque Sanfiz e Marcos Filgueiras presentarán o último número da revista, así como Uxía Sánchez e Paula Antía Rey o primeiro número do Domingo das Mozas. Ademais, presentaranse dous libros: Namoradeiras entre a pel, por Tania Yáñez e santoamaro por Antonio M. Fraga. Finalmente haberá un recital de poesía no que Marcos, Tania, Uxía, Paula e Lúa Vila participarán e unha intervención musical da man de Hilda Rock (Irene Martín) e Diego Rodríguez.

Roteiro polo día das Mapoulas Libertarias

10 de xullo de 2021, barrio das Atochas, A Coruña

O sábado 10 de xullo participamos no roteiro das Mapoulas Libertaria polo barrio das Atochas (A Coruña). Neste evento colaboran A Coruña das Mulleres, CNT Galiza, Pandereiteiras de Fiandón, Laboratorio Escénico e organiza Refuxios da Memoria.

Presentación Casa dos Espellos e Mazarelos 5 en Betanzos

8 de xullo de 2021, Salón Azul do Liceo, Betanzos

O xoves día 8 de xullo presentamos conxuntamente Casa dos Espellos 4 e Mazarelos 5 No salón Azul do Liceo de Betanzos. Nesta actividade intervirán Roque Sanfiz Arias por parte de Mazarelos; e por parte de Casa dos Espellos Adrián Feijoo e Ángel Arcay, xunto co resto de colaboradores da revista.

Novos Medios Galegos. A especialización importa

15 de xuño de 2021, Online

Participamos nun debate organizado polo Consello da Cultura Galega no que se reflexionou sobre a aparición e creación de medios especializados, orientados a eidos e públicos concretos en Galicia.

Novas Artistas Galegas: conversa con Lidia Cao, Verto e Tamara Andrés

24 de marzo de 2021, Online

O mércores 24 de marzo de 2021 presentamos en directo con Tamara Andrés, Berto e Lidia Cao o cuarto número da Revista Mazarelos. Aproveitamos a presencia das invitadas para falar sobre a situación das novas artistas galegas e o seu papel coma “voz dun tempo”.


2020

Debate “Museos, estratexia dixital e divulgación” e presentación de Mazarelos 3

2 de decembro de 2020, Online

Para presentar ao público o terceiro número de Mazarelos organizamos un debate sobre museos, estratexia dixital e divulgación participaron Clara Reigosa (Colaboradora de Mazarelos e investigadora en museística), Xosé Poldras (artista e autor da portada) e Miguel Cajigal (divulgador cultural, @elbarroquista). O acto pode verse aquí.

Conferencia “O recrutamento dos soldados de Franco” e presentación de Mazarelos 2

22 de xullo de 2020, Fundaçom Artábria, Ferrol

Na presentación do segundo número de Mazarelos contamos coa presenza de Francisco J. Leira Castiñeira, autor do libro Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, que impartiu a conferencia “O recrutamento dos soldados de Franco”.

Presentación do segundo número de Mazarelos en Santiago

25 de xuño de 2020, Libraría Couceiro, Santiago de Compostela

Para este acto organizamos un pequeno debate sobre divulgación cultural e xornalismo con Manuel Gago (escritor e responsable de www.culturagalega.gal), Valeria Pereiras (Revista Luzes) e Andrea Rivas (autora da portada do número 2).

Debate A Historia e as Ciencias sociais ante a COVID-19

1 de xuño de 2020, online

Tras uns meses de confinamento estricto e un período da chamada “desescalada”, dende Mazarelos coidamos que era preciso reflexionar sobre o papel que a Historia e as Ciencias Sociais xogaran ante ese momento, sobre a situación pandémica na docencia e na educación e de cara o futuro da daquela denominada “nova normalidade”. Participaron Alba Díaz Geada (Profesora de Antropoloxía na USC), Lourenzo Fernández Prieto (profesor da Facultade de Historia da USC), Emilio Grandío Seoane (profesor da Facultade de Historia da USC), Antía Pérez Caramés (profesora de Socioloxía na UDC) e Raúl Soutelo Vázquez (Profesor de instituto de secundaria e de didáctica das CCSS na USC).

Presentación do primeiro número de Mazarelos na Coruña

5 de marzo de 2020, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, A Coruña

Días antes do confinamento pola COVID-19 organizamos en colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) un acto de presentación da revista na Coruña. Nel interviron Lucía Veciño (Mazarelos), Xurxo Couto (Deputación da Coruña), José Miguel Andrade Cernadas (Profesor da Facultade de Historia da USC) e Emilio Grandío (Profesor da Facultadod e Historia da USC).

Presentación do primeiro número de Mazarelos no Museo Etnolóxico de Ribadavia

15 de febreiro de 2020, Museo Etnolóxico, Ribadavia

Organizamos unha presentación da revista na Museo Etnolóxico de Ribadavia na que interviron Mateo Martínez Torres (Mazarelos), Lucas Sánchez Taboada (Colaborador de Mazarelos), Antonio Míguez Amil (técnico da Oficina municipal de Turismo de Ribadavia) e Xosé Ramón Pousa (decano da Facultade de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela).

Presentación do primeiro número de Mazarelos en Ferrol

6 de febreiro de 2020, Fundaçom Artábria, Ferrol

Organizamos xunto coa Fundaçom Artábria de Ferrol a presentación do primeiro número de Mazarelos: revista de Historia e Cultura. No acto interviron Roque Sanfiz Arias (Mazarelos), José Carlos García Vega (Colaborador de Mazarelos) e Eliseo Fernández (Historiador).

Presentación do primeiro número de Mazarelos en Santiago

16 de xaneiro de 2020, Facultade de Filosofía, Santiago de Compostela

O 16 de xaneiro de 2020 organizamos a presentación do primeiro número de Mazarelos: Revista de Historia e Cultura na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Este acto foi a presentación pública da Revista Mazarelos tras conseguir acadar o financiamento necesario no crowdfunding do que participaron máis de 100 persoas.