A Eslovaquia independiente de Josef Tiso (IV): Aniquilación

Adrián Feijoo Sánchez

Continuando co rematado no anterior artigo, unha das características máis importantes da Eslovaquia neste período que se abre (dende os Acordos de Múnic ata a fin da Guerra Mundial) é a estreita relación con Alemaña, até o punto de limitar a súa independencia coma nación soberana. Dous exemplos disto foron o Tratado de Protección firmado en marzo de 1939 e a modificación constitucional que efectuou Tiso por orde de Hitler. Aínda así, e pese ao seu escaso marxe de manobra (sobre todo en política exterior ((Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del odio. Movimientos y sistemas autoritarios y fascistas en Europa, 1919-1945. Madrid, Siglo Veintiuno de España Editores, 2002, p. 204.)) ((Laurence REES: Auschwitz. Los nazis y la solución final. Barcelona, Editorial Planeta DeAgostini, 2006, p. 149.)) ), os nacionalistas e fascistas eslovacos tentaron de levar unha dirección propia, a cabalo entre Hitler, Mussolini e o Vaticano.

Esta situación levaría ós futuros debates sobre o papel de Eslovaquia independente na guerra, ou máis concretamente, do rol do líder monseñor Josef Tiso. A maioría de eslovacos rexeitaron as acusacións de traizón (un dos cargos que lle imputaron no fin do conflito) ou de ser un “clérigo fascista”. Algúns negaban a colaboración con Alemaña, e incluso outros o convertían nunha vítima das circunstancias históricas ((James Mace WARD: Priest, politician, collaborator: Josef Tiso and the making of fascist Slovakia. Cornell University Press, Ithaca (NY), 2016, p. 9.)) . Certos autores e emigrantes crearon relatos revisionistas onde Tiso, un patriota eslovaco, tentaba manobrar de maneira irregular na relación que mantiña cunha gran potencia do momento, pero sen compartir ideas ou problemáticas con Adolf Hitler ((Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del…, p. 204.)) .

Adolf Hitler, Alexander von Dörnberg e Josef Tiso, 1941. Fonte: Wikimediacommons

Pero a realidade histórica foi outra. Tiso colaborou con lealdade coa Alemaña nazi en numerosas ocasións, tal e como constataron as declaracións de personaxes coma o cónsul alemán en Bratislava, Hans Ludin, ou o mesmo Heinrich Himmler, alto cargo da xerarquía nazi ((Íbid.)) . A proba máis gráfica e abominable desta colaboración foi a deportación e exterminio dos xudeus eslovacos.

Tiso foi un dos promotores entusiastas da lexislación racista no país, dirixida contra os 90.000 individuos que pertencían a esa etnia: confiscación de negocios, exclusión da vida pública, fomento da emigración, marcaxe coa Estrela de David e declaracións reiteradas de odio, que penetraron pronto na sociedade ((Laurence REES: Auschwitz. Los nazis…, p. 149.)) . Nunha reunión en Berlín en outubro de 1941, Tiso acordou con Himmler, Tuka e o ministro do Interior eslovaco Alexander Mach a “solución da cuestión xudía en Eslovaquia”, sendo esta a primeira tentativa exitosa da Alemaña nazi de integrar a un país aliado ó seu plan de exterminio ((Pero tampouco será a última. En novembro de 1941 tamén Croacia e Romanía deron permiso para deportar ás súas respectivas poboacións xudeas. Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del…, p.  204.)) . Para ese ano, as ordenanzas xa eran aínda máis restritivas que as mesmas Leis de Núremberg ((R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial Concept and its Use. Tesis de máster. Utrecht, Universiteit Utrecht, 2009, p. 87.)) .

Propaganda incitando a non ser un servo dos xudeus. Década 1940. Fonte: Wikimediacommons

A colaboración naceu dun dobre interese: por un lado, a escaseza de prisioneiros de guerra soviéticos, transformados nunha valiosa forza de traballo no Reich, converteu ós xudeus eslovacos nos seus substitutos para ocupar Auschwitz; por outro, as autoridades do país desexaban deportalos ((Laurence REES: Auschwitz. Los nazis…, p. 151.)) , mandando máis dos que os alemáns estaban dispostos a aceptar, co envío de familias enteiras no canto de só individuos aptos para o traballo ((R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial…, p. 87.)) . O envío de prisioneiros ó campo comezou cun primeiro cargamento que chegou na primavera de 1942 ((Laurence REES: Auschwitz. Los nazis…, pp. 148-149.)) , en condicións infrahumanas, cun recibimento que incluía agresións dos kapos, roubos, incidentes e mortes nos traslados.

Cabeceiras dun periódico gubernamental: “Tratamos cos xudeus! As leis máis estrictas contra os xudeus son as eslovacas” (21/09/1941). Na parte superior esqueda pode lerse tamén “As nosas leis un modelo para toda Europa”. Fonte: Wikimediacommons

Se prestamos crédito ás fontes alemás, non houbo presión externas para que Josef Tiso e o seu goberno actuasen así ((R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial…, p. 87.)) . “É curioso como ese creguiño católico, Tiso, envíanos xudeus”, mencionoulle Hitler a un grupo de xente de confianza o trinta de agosto de 1942 ((Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del…, p. 205.)) . Por esas datas Tiso enviara a 55.000 persoas ós campos nazis, máis outros 2.800 ata o cese das deportacións (no mesmo 1942) ((James Mace WARD: Priest, politician…, p. 8.)) .

Non habería máis transportes ata a explosión dunha revolta cívico-militar, o “levantamento nacional eslovaco” de 1944, que levaría á intervención militar alemá por petición de Tiso, ó transporte de 12.000 xudeus e máis a morte doutros 2.000 na mesma Eslovaquia . Unha masacre perpetrada polo goberno dun sacerdote que o Vaticano coñecía, que a nivel particular e individual altos cargos eclesiásticos aborrecían e criticaban, pero que tampouco supuxo sanción en contra ningunha, da mesma maneira que o Vaticano non impediu ou condenou de maneira oficial os crimes dos Ustashas en Croacia contra serbios, xudeus e romaníes ((Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del…, pp. 206-207.)) .

En 1945 o Exército Vermello entrou en Eslovaquia e puxo fin ó réxime. Unha Corte Nacional dominada polos comunistas xulgouno polos crimes de colaboración, traizón e crimes contra a Humanidade. Foi declarado culpable o quince de abril de 1947 e executado mediante estrangulamento tres días despois. Tres cuartas partes da poboación hebreo-eslovaca faleceran para o final da guerra ((James Mace WARD: Priest, politician…, p. 9.)) .

*Foto de portada. Propaganda antisemita: “Sal de Eslovaquia” 1941-42. Fonte: Wikimediacommons

Bibliografía

-R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial Concept and its Use [tesis de máster]. Utrecht, Universiteit Utrecht, 2009.
-Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del odio. Movimientos y sistemas autoritarios y fascistas en Europa, 1919-1945. Madrid, Siglo Veintiuno de España Editores, 2002.
-Laurence REES: Auschwitz. Los nazis y la solución final. Barcelona, Editorial Planeta DeAgostini, 2006.
-James Mace WARD: Priest, politician, collaborator: Josef Tiso and the making of fascist Slovakia. Cornell University Press, Ithaca (NY), 2016.

Notas ao pé

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados