Iatrofobia (II)

José Manuel Suárez García

A crenza no contaxio da peste por vía aérea foi o fundamento do imaxinario da enfermidade: as cidades cubríronse de fume, os cidadáns taparon o nariz con panos impregnados de auga de rosas, pero tamén de vinagre ou allo; e finalmente os médicos da peste adoptaron o seu atondo característico. Tanto, que permite identificar sen dúbida algunha dúas figuras milimétricas na portada do Leviathan como tales: capa encerada, luvas, botas e sombreiro de coiro, unha máscara con forma de cabeza de paxaro, con lentes de vidro ―acordes cunha teoría segundo a cal a peste se contaxiaba pola mirada― e un pico no que se introducía palla para filtrar o aire e sustancias olorosas, ademais dun bastón para evitar tocar aos apestados ―e, tamén, para golpear a aqueles que pedían penitencia ao considerar que a enfermidade era de orixe divina―. A invención deste disfrace atribúese normalmente a Charles de L’Orme, que debeu de utilizalo durante a peste de París de 1619. Un gravado de Paul Fürst de 1656 recolle esta imaxe, acompañándoa dun poema satírico ―escrito nunha amalgama de alemán e latín en alusión á confusa terminoloxía empregada polos médicos―; e unha escena, en segundo plano, dun grupo de persoas que foxen espantados doutro destes médicos da peste, ameazante co seu báculo decorado cun reloxo de area e unhas ás de morcego.

Paul Fürst, Der Doctor Schnabel von Rom, “Doutor Pico de Roma” (1656). Fonte: Wikimedia Commons

Desde entón, existía unha iconografía médica claramente asociada á epidemia, á morte inminente; unha imaxe do médico que sen dúbida provocaba terror. Contra isto, ao longo de toda a Idade Moderna, numerosos médicos e cirurxiáns ―Paracelso e Ambroise Paré entre outros―, afirmaron que o medo causaba unha maior disposición a sufrir a enfermidade. Talvez por iso a través da arte se configura un ideario da epidemia que trata de estruturar os sentimentos de medo e mágoa baixo o concepto da catharsis tráxica, como sucede na Peste de Ashdod de Nicolas Poussin.

Nicolas Poussin, A Peste de Ashdod (1630-31). Museo do Louvre. Fonte: Wikimedia Commons

Esta corrente de pensamento pouco éxito debeu ter, pois con cada novo episodio epidémico volvían a proliferar imaxes de terror e médicos enmascarados. Sucede aínda no século XIX: Antoine Barthelemy Clot-Bey recolle en De la Peste observe en Egypte (1840) a imaxe dun cirurxián de 1819 que recorda aos médicos da peste, neste caso sen máscara, mais encapuchado e cun pano ―podemos supoñer que aromatizado― na man; e comenta Clot-Bey:

Pensen no efecto que se produce nunha mente enferma, nun cerebro débil, pola aparición dunha figura fantasmal; cando, con semellante disfrace, o desgraciado ve ao cirurxián que está a piques de operalo, ¿que pode ver no home que debería reconfortalo máis que un motivo de horror e terror?

Costume d’un chirurgien quarantenaire du Lazaret de Marseille, en 1819. Publicado en Antoine Barthelemy Clot-Bey, De la Peste observe en Egypte (1840). Fonte: Welcome Collection

Na Europa do século XIX será o cólera, e non a peste, a epidemia que cause estragos. Malia o discurso científico positivista, os progresos na medicina relaciónanse co coñecemento das enfermidades, pero non no seu tratamento. O médico segue causando medo, xa non só polos disfraces, tamén polas acusacións de contaxiar e de experimentar cos pacientes . O discurso positivista acada aos que practican a medicina, pero non aos pacientes ((Thomas A. KSELMAN: Death and the Afterlife in Modern France. Princeton, Princeton University Press, 1993, p. 25.)); ao eido culto pero non ao popular. Isto xa se poñía en manifesto a comezos do século XIX, como mostra a pintura de Antoine-Jean Gros, Napoleón visitando aos apestados de Jaffa. Moitas veces quíxose ver este cadro como unha actualización da iconografía do rei taumatúrxico, pero en realidade rexistra un xesto co que pretende demostrarse a inexistencia de contaxio da peste a través dos bubóns ―iso por parte do xeneral, xa que detrás del vemos outra figura tapándose o nariz cun pano―. Hai quen vai máis lonxe: René-Nicolas Dufriche Desgenettes ―a outra figura que aparece detrás de Napoleón―, inxectaríase a si mesmo pus dun bubón para demostrar a súa inocuidade.

Antoine-Jean Gros, Napoleón visitando aos apestados de Jaffa (1804). Museo do Louvre. Fonte: Wikimedia Commons

O discurso positivista fomenta a tranquilidade ante a enfermidade e ante o médico. O século XIX, aínda con escasos avances no tratamento de enfermidades, supón un mellor coñecemento das súas causas: desméntese a teoría miasmática, desenvólvese a inmunoloxía, e os cirurxiáns comezan a traballar con anestesia e asepsia. Os médicos do século XIX e da primeira metade do XX poden prever a enfermidade, pero non curala. En tal situación, abonda a ameaza dunha nova epidemia para que os vellos medos se reaviven.

Sucedeu en 1910-1911 en Manchuria, cun novo brote de peste; neste caso a variedade pneumónica, de xeito que a epidemia se propagaba polo aire. Entón un médico chamado Wu Lien-Teh, coñecendo os precedentes históricos, as vantaxes que ofrecen pero tamén o medo que fomentan, propuxo unha nova forma de protección: a máscara cirúrxica. As implicacións desta nova imaxe e a diferencia respecto da anterior son moitas e moi interesantes ((Véxase Christos LYNTERIS: “Plague masks: the visual emergence of Anti-Epidemic personal protection equipment”, Medical Anthropology 37(6) (2018),  https://www.tandfonline.com/doi/pdf/10.1080/01459740.2017.1423072?needAccess=true [Consultado: 28 de marzo de 2020].)). Pero malia os progresos da medicina, malia o poder de prevención e curación que o médico adquire ao longo dos séculos XIX e XX, na súa figura segue a personificarse a enfermidade. E sobre todo cando, en casos de epidemia, adquire unha iconografía aínda máis característica. O propio Wu Lien-Teh deixou unha testemuña disto co álbum Views of Harbin (Fuchiatien) during the Plague epidemic. Así foi como ideou a imaxe do médico da peste moderno.

Wu Lien-Teh, Views of Harbin (Fuchiatien) during the Plague epidemic (1911). Fonte: Welcome Collection

Dous séculos de progreso da medicina, deixaron quedar atrás aos sangradores, os experimentadores e demais visións horrorosas, entre as que ocupa un lugar destacado o médico da peste. Mais a iatrofobia persiste. Talvez porque o médico é quen de poñer nome a unha doenza, pronunciar unha palabra que constitúe un tabú ((Jean DELUMEAU: El miedo en Occidente. Madrid, Taurus, 2012, s.n.)); ou porque en caso de epidemia adopta unha imaxe que, sen deixar lugar a dúbidas, confirma a situación.  Tres séculos e medio despois do Leviathan de Hobbes, volvemos a ter as mesmas rúas e prazas baleiras, polas que só os soldados e os médicos da peste poden transitar.

*Foto de portada: Detalle do frontispicio do Leviathan de Thomas Hobbes, publicado en 1651. Gravado de Abraham Bosse. Fonte: Wikimedia Commons

Bibliografía

-DELUMEAU, Jean. El miedo en Occidente. Madrid, Taurus, 2012.

-KSELMAN, Thomas A. Death and the Afterlife in Modern France. Princeton, Princeton University Press, 1993.

-LYNTERIS, Christos: “Plague masks: the visual emergence of Anti-Epidemic personal protection equipment”, Medical Anthropology 37(6) (2018),  https://www.tandfonline.com/doi/pdf/10.1080/01459740.2017.1423072?needAccess=true [Consultado: 28 de marzo de 2020].

Notas ao pé

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados