Do lenzo á pantalla

Menalia Yáñez Basanta

En Bioloxía defínese o termo “simbiose” coma unha relación permanente entre dous seres vivos que levan unha vida en común e da cal, polo menos un dos dous, obtén algún tipo de beneficio. Este proceso evolutivo foi unha parte esencial para a vida e podemos atopalo en organismos coma, por exemplo, as avésporas e as follas da figueira. Con este plantexamento non se pretende desviar este artigo cara unha investigación científica senón que o obxectivo é expoñer unha reflexión, non é a historia da arte un proceso evolutivo no que diversos xéneros se nutriron mutuamente?

Dende os comezos do cine, puidemos disfrutar das reminiscencias da pintura na séptima arte e viceversa, xa que o cine tamén resultou ser fonte de inspiración para o resto das artes visuais. Nun período como foi o Renacemento e ata os nosos días, pintura e escultura intentaron representar a realidade coa maior veracidade posible. Os primeiros anos do século XIX virán acompañados de novos inventos coma o diorama, que ofrecía ao ser humano a capacidade de experimentar visualmente co tempo; e espectáculos coma os tableaux vivants, que consistían na representación de cadros famosos con seres vivos, algo que se acabará levando ao cine en traballos coma Christus/ Cristo (Giulio Antamoro, 1916), filme onde se recrean diversas obras como a Crucifixión de Mantegna, a Piedade de Miguel Anxo ou a Transfiguración de Rafael.

Crucifixión, Andrea Mantegna. (1457-1459). Predela da Pala de San Zenón (Verona). Fonte: Wikimediacommons
Christus. Giulio Antamoro. 1916.

 

 

 

 

 

 

Así mesmo, faranse importantes estudos, véxase o caso da cronofotografía, mediante a cal o fotógrafo anglo-americano Eadweard Muybrigde levou a cabo a descomposición en imaxes da motricidade humana. Cabe destacar, ademais, a súa influencia en épocas posteriores, dende as películas da triloxía Matrix (Irmás Wachowski, 1999-2003) ata o videoclip de U2 para a súa canción “Lemon”.

A cronofotografía aplicada a Matrix (Irmás Wachowski, 1999-2003)
Cronofotografía de Eadweard Muybrigde

 

 

 

 

 

 

Cando falamos da relación entre arte e cine temos que facer especial fincapé no expresionismo alemán xa que, directores coma Murnau, deron vida a paisaxes de moitos pintores, véxase o caso de Friedrich -autor ao que, por certo, recurriría unha vez máis o oscarizado director mexicano Alejandro González Iñárritu en The revenant/ O renacido (2015)-; de Edvard Munch, cuxas vistas de Lübeck serviron para crear un ambiente perturbador en Nosferatu (1922).

Vista de Lübeck, debuxo de Edward Munch (1902)
Fotograma de Nosferatu (Murnau, 1922) coa vista de Lübeck na fiestra

 

 

 

 

 

 

Ou de Fritz Lang, que nos permitiu volver a aquel fermoso Xardín das delicias do Bosco nunha das escenas coas que comeza a súa eterna Metropolis/ Metrópolis (1927). Mesmo Hithcock chegaría a verse atraído pola estética pictórica. Unha das súas citas artísticas máis directas vémola en Psycho/ Psicose (1960), onde se inspirou no cadro do pintor estadounidense Edward Hopper Casa xunto á vía do tren para a creación da mansión máis terrorífica da historia do cine.

 

Casa xunto á vía do tren. Edward Hopper. 1925
A casa de Norman Bates. Psyco/Psicose. Hithcock. 1960

 

 

 

 

 

En xeral, poderíamos enumerar moitos filmes e directores que beben das artes plásticas na súa estética. Coa chegada da cor, a incidencia da pintura sería importante para producións relevantes, por exemplo, Clockwork Orange/ A Laranxa mecánica (1971) de Stanley Kubrick, onde recurriría a A ronda dos presos de Van Gogh. De feito, isto é algo moi común e non só se limita a películas consolidadas senón tamén a outro tipo de estreas máis comerciais, onde temos o caso de Superman: Dawn of Justice/ Batman v. Superman: O amencer da xustiza (2016) de Zack Snyder, que conta con planos inspirados directamente en Rubens ou Jan Lievens.

Superior: A ronda dos presos. Van Gogh. 1890 Inferior: Clockwork Orange/A Laranxa Mecánica. Stanley Kubrick. 1971

Pier Paolo Pasolini, teorizaría sobre un tema intimamente relacionado co que estamos a falar, o chamado “cine de poesía”. Para el, o uso dunha linguaxe poética neste ámbito está estreitamente vinculado coa pintura en filmes coma Il deserto rosso/ Deserto vermello (1964) de Michelangelo Antonioni, que tivo a intención de pintar a súa película coma se de un lenzo se tratara, contando cunha paleta de tonalidades que parecían proceder das mans de Paul Klee ou de Mondrian. O director italiano considera que esta linguaxe está caracterizada pola intención do realizador de transmitir unha visión subxectiva da realidade mediante a calificación dos encadramentos a través do uso da cámara e a montaxe. Noutra banda teríamos un cine moito máis narrativo, coma o de Chaplin ou Ingmar Bergman, onde é a lingua a que se pon ao servizo do significado.

Castelo e Sol. Paul Klee. 1928
Mónica Vitti. Il deserto rosso/ Deserto Vermello. Michelangelo Antonioni. 1964

 

 

 

 

 

 

Sen dúbida, a relación entre a pintura e o celuloide é moito máis longa, de feito tamén incluiría os biopics e as películas nas que o personaxe ficticio é un pintor. En xeral, o que si podemos aseverar é que ambas artes non evolucionan de paralelamente senón que forman unha cadea onde as diferentes engrenaxes encaixan á perfección.

*A foto de portada amosa a influencia de Friedrich no filme The revenant/ O renacido (2015).

Bibliografía

-BERRIATÚA, Luciano: Los proverbios chinos de F.W. Murnau (Etapa Alemana). Madrid, Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales, 1990.

-BRAUN, Marta: Eadweard Muybrigde. Londres, Reaktion Books Ltd, 2010.

-CERRATO, Rafael. Víctor Erice, el poeta pictórico. Madrid, EDICIONES JC. Colección Directores de Cine, 2006.

-CERVERA, Vicente; RODRÍGUEZ, Aurelio y RUIZ, Sagrario: El compás de los sentidos. Cine y estética. Murcia, Servicio de publicaciones de la Universidad de Murcia, 1998.

-MARTÍNEZ- SALANOVA, Enrique y SEDEÑO, Ana Ma. “La influencia de la pintura en el cine”. Cine y Educación. Disponible en: http://www.uhu.es/cine.educacion/cineyeducacion/pintura_cine_influencia.htm [17 de marzo de 2017]

-ORTIZ, Áurea; PIQUERAS, Ma Jesús: A pintura en el cine. Cuestiones de representación visual. Barcelona, Paidós Ibérica, 1995.

-RUIZ, Paula A. “Arte y cine: más de 120 años de intensa relación”. Cinemanía. Disponible en: http:// cinemania.elmundo.es/noticias/arte-cine-mas-120-anos-intensa-relacion/ [25 de mayo de 2017]

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados