A impunidade na Transición: o documental “Rocío” (1980)

José Carlos García Vega

Por máis que se alporicen os ánimos no espazo político cada vez que alguén pon en cuestión o relato tradicional sobre a Transición Democrática en España, o certo é que a narrativa da idoneidade áchase cada vez máis discutida. Dende as innegábeis herdanzas franquistas no aparato xurídico e administrativo ata a propia coroa, pasando pola impunidade preceptiva da Lei de Amnistía de 1977, existen unha serie de frontes de reinterpretación na historiografía e na opinión pública.

Unha delas trata de investigar as voces disidentes e as repostas represivas que existiron no tránsito ao réxime democrático e que, pola modernidade dos tempos, deixaron máis que rastro escrito e quedaron rexistradas en formato audiovisual. O documental Rocío (1980), de Fernando Ruiz Vergara e Ana Vila Teixidó supón un particular exemplo nesta dirección, porque reflicte un conflito de intereses entre vítimas e vitimarios da Guerra Civil de 1936 e da ditadura franquista que o novo sistema inaugurado no 78 non foi capaz de resolver: os dereitos á verdade e á xustiza, os cales non consisten só en constatar que houbo un crime, senón en coñecer tamén aos seus perpetradores.

Entrada do vello cemiterio de Almonte (Huelva), onde se produxeron máis dun centear de fusilamentos. Referencia: https://www.juntadeandalucia.es/organismos/culturaypatrimoniohistorico/areas/memoria-democratica/lugares/paginas/fosa-comun-almonte.html

Todo comezou un 23 de febreiro de 1981. O mesmo día que Tejero entraba no Congreso dos Deputados ao berro de «quieto todo el mundo», tal vez á mesma hora, a familia de José María Reales, falecido membro da irmandade rocieira de Almonte (Huelva), depositaba unha denuncia contra os autores e un dos participantes no documental Rocío estrenado había menos dun ano. Acusábanos de calumnias contra o seu pai e de escarnio á relixión católica e á famosa romería andaluza de El Rocío. Un ano e catro meses despois, o Xulgado de Instrución n. 2 de Sevilla fallaba a favor dos denunciantes, vendo un delito claro de inxurias graves. A película non podería volver ser estreada tal e como fora rodada. Ordenábase a supresión de varios fragmentos e unha forte indemnización. A carreira de Fernando Ruiz afundira para sempre.

Pero, ¿que perigo podía entrañar un documental sobre a festividade máis famosa da provincia de Huelva? Rocío foi gravada a finais dos anos 70 coa axuda dun equipo de traballadores portugueses cuxo único pago dependía da promesa de beneficios. O obxectivo era amosar a romaría dende un punto de vista marxista e andalucista, facendo protagonista a un pobo andaluz que, de acordo co seu relato, libraríase unha vez ao ano da opresión das elites aristocráticas e eclesiásticas para erguer á súa Virxe do Rocío, la blanca paloma, nunha grande obra colectiva que demostraba a forza do pobo. Todo isto veu despois da propia rodaxe do documental, que non contaba en principio con guión definido. O equipo de Vergara e Teixidó documentouse, fixo entrevistas a persoeiros e académicos da zona e a recolleu en xeral as mellores imaxes que puideron da festa.

Icónico fotograma do documental “Rocío”

Aconteceu neste proceso algo inesperado, algúns dos veciños preguntados decidiron falar ante a cámara sobre o papel das irmandades rocieiras durante a II República e a Guerra Civil. Polo visto, a coñecida como Banda negra de Almonte, na que estaban implicadas persoas das devanditas irmandades, adicárase a exercer unha represión brutal, asasinando a inimigos políticos e sementando o terror na localidade. «El responsable de esta banda de criminales era…», comezaba a dicir o entrevistado Pedro Gómez, antes de que se curtase a súa voz e aparecera unha fotografía de José María Reales cunha cinta negra sobre os ollos que mantiña, porén, totalmente recoñecible.

Este fragmento, xunto con outros onde se revelan máis crimes e identidades dos vitimarios de Almonte, sentenciaron a película. Imputar a alguén execución de decenas de persoas sen ningún tipo de proba máis que a propia memoria era un delito, e Fernando Ruiz pagouno ben.

De nada serviu que varios veciños de Almonte de idade semellante estivesen dispostos a declarar que a testemuña de Pedro Gómez era certa. Tampouco o recurso ó Tribunal Supremo, que non só confirmou a do Tribunal de Instrución, senón que ademais engadiu algunha apreciación que se tornaría polémica, porque facía semellar que parte do delito era ter lembrado os crimes dos sublevados na guerra:

«Si bien es cierto que la finalidad aparente de ‘Rocío’ es exclusivamente la documental referida al entorno histórico, sociológico, cultural (…) pronto aflora una inoportuna e infeliz recordación de episodios sucedidos antes y después del dieciocho de julio de mil novecientos treinta y seis, en los que se escarnece a uno de los bandos contendientes olvidando que las guerras civiles, como lucha fratricida que son, dejan una estela o rastro sangriento y de hechos , unas veces heroicos y otras reprobables, que es indispensable inhumar y olvidar.»

Listaxe de vítimas da represión en Almonte.

Durante o documental elaboráronse dúas listaxes. Unha, Matarifes de Almonte, segue conservada nunha vella libreta que entón non puido saír á luz, e alí detallábanse os nomes de todos os verdugos que se foron coñecendo nas entrevistas. Outra foi a das vítimas, que si o fixo, e que rexistrou unha memoria que levaba soterrada medio século e á que só era posible acceder, en boa medida, grazas á información obtida das testemuñas orais, por motivos biolóxicos moito máis abondantes entón que agora.

Inaugurábase unha das estratexias que verdugos e descendentes manterían durante décadas para frustrar moitos intentos de sinalar os nomes e as accións dos criminais do franquismo. Pois, aínda que a Lei de Amnistía do 1977 os eximía de toda responsabilidade penal, aínda quedaba a posibilidade doutro tipo de xuizo: o da memoria e a conciencia pública, que foi enfrontado apelando ao delito contra a honra, posto que as testemuñas orais son, a miúdo, as únicas fontes –e probas– dispoñibles para coñecer a realidade histórica da represión. Un conflito este que tentou resolver unha nova sentenza dun caso posterior, deixando claro que boa parte da política da memoria en España fíxose nos tribunais. Pero iso xa é tema para outro artigo.

*Foto de portada: “La Vanguardia” (12-04-1980)

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados